A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de asinar o contrato para a execución do servizo de redacción de estudos previos ambientais e técnicos para obras de dragaxe, entre outros, de cinco peiraos da Costa da Morte de titularidade autonómica. O Consello da Xunta analizou un informe que recolle a contratación deste servizo por dous anos, prorrogables ata tres, o que permitirá avanzar e axilizar a tramitación destas actuacións no momento en que sexa posible poñelas en marcha. Esta contratación pretende dar resposta á problemática recorrente da complexidade na tramitación previa das obras de dragaxe pois acostuma a dilatarse no tempo en grande medida e, en moitos casos, durante anos. Os estudos contratados neste servizo permitirán ter completada a tramitación previa para poder proceder á contratación das obras no momento en que se estime oportuno e viable tanto técnica como economicamente. Os portos localizados na Costa da Morte para os que se realizarán os estudos serán os de Camariñas, Camelle, Corcubión, Fisterra e Malpica. Esta relación pode ser ampliada segundo as necesidades posteriores.
27