Rematado o prazo de presentación de ofertas para o contrato de subministro do equipamento do novo Edificio Interxeracional da Laracha, o Concello recibiu un total de dez propostas para os dous primeiros lotes da licitación.
En concreto, o Lote 1, “Subministro de mobiliario e equipamento”, recibiu tres propostas, e o Lote 2, “Subministro do equipamento informático”, conta con sete ofertas. A continuación, ditas propostas serán valoradas e cualificadas pola mesa de contratación de acordo aos criterios establecidos nos pregos antes de continuar coa tramitación do procedemento.
Os outros dous lotes nos que se dividiu o contrato quedaron desertos. Trátase do Lote 3, “Subministro doutro equipamento para a aula dixital”, e do Lote 4, “Subministro de equipamento para o estudo de gravación”. Nestes casos en próximas datas o Concello iniciará un novo procedemento de contratación.
A licitación do equipamento e mobiliario supón a continuación do proxecto impulsado polo Concello para transformar o antigo Edificio de Servizos Múltiples no novo Edificio Interxeracional da Laracha, situado na Avenida López Astray. A actuación de transformación do inmoble contou cun investimento de 1,1 millóns de euros e permitiu crear unhas instalacións modernas, multifuncionais e preparadas para acoller unha ampla diversidade de actividades e iniciativas.
O obxectivo é que o Edificio Interxeracional se converta nun punto de referencia para a actividade social, cultural e de ocio no municipio, ofrecendo espazos destinados a persoas de todas as idades e favorecendo a convivencia, a interacción e o apoio mutuo entre diferentes xeracións.
O contrato de equipamento, cun orzamento máximo de 173.735,33 euros entre os catro lotes nos que se divide, igual que a propia obra de transformación do antigo Edificio de Servizos Múltiples, están financiados con fondos procedentes do Instrumento Europeo de Recuperación (Next Generation EU), con cargo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).
