Avanza o plan de mantemento e conservación da rede viaria da Laracha

1 minutes read

O Concello da Laracha ven de acometer unha ampla actuación nunha das estradas principais da parroquia de Montemaior como é a do Igrexario, nas inmediacións do templo de Santa María Madanela.

As obras consisten na nova pavimentación da vía con aglomerado asfáltico en quente, incluíndo nun tramo a ampliación da calzada, que alcanza os dez metros de anchura.

A superficie total que está a ser obxecto da nova pavimentación é duns 3.500 metros cadrados, incluíndo as zonas de circulación e tamén os espazos reservados para o aparcamento dos vehículos.

A actuación completarase co marcado da sinalización horizontal para reforzar a seguridade viaria en todo o ámbito.

Estrada A Xesteira – O Castro de Abaixo

Paralelamente tamén está a ser executado outro proxecto que consiste na renovación do pavimento na estrada municipal que comunica A Xesteira (parroquia de Lendo) con O Castro de Abaixo (Cabovilaño). A intervención afecta a unha lonxitude lineal de 380 metros.

O mantemento en bo estado da rede viaria municipal, que supera os seiscentos quilómetros lineais de estradas, sempre foi unha cuestión prioritaria para o goberno local co propósito de ofrecer accesos rodados de calidade á totalidade dos máis de trescentos núcleos de poboación rural que existen no termo municipal.