Augas de Galicia, está a avanzar no proxecto para reducir o risco de inundacións na contorna do río Maior, no concello de Sada, que prevé ter rematado a finais de verán e que eleva o investimento necesario nas obras previstas a máis de 6 millóns de euros. Así llo trasladou a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, ao alcalde de Sada, Benito Portela, nunha reunión de traballo mantida esta mañá en Santiago, na que se abordou o proxecto, que inclúe a renaturalización do río, e que se atopa neste intre en fase de supervisión técnica.
No encontro, Teresa Gutiérrez instou á entidade local á busca da implicación da Deputación Provincial da Coruña no cofinanciamento das obras, toda vez que o convenio asinado entre a Xunta e o Concello recolle unha colaboración por importe de 1,5 M€. A directora de Augas de Galicia tamén lle solicitou a máxima axilidade ao Concello no envío das propostas de cambios e novas actuacións que quere incorporar a entidade local, co obxectivo de poder introducilos no proxecto, agora mesmo en supervisión.
Teresa Gutiérrez incidiu na importancia de que desde o Concello se dea a coñecer o proxecto aos veciños, ante o calado e a importancia das actuacións que se pretenden acometer no municipio. Durante o encontro mantido co responsable municipal, a directora de Augas de Galicia tamén lembrou que o Concello debe realizar os trámites municipais pertinentes como paso previo para poder iniciar as obras, incluíndo o sometemento do proxecto a información pública e á posta á disposición dos terreos necesarios para levar a cabo as actuacións.