Avanzan a bo ritmo as obras de renovación da cuberta do IES Eduardo Pondal de Ponteceso

1 minutes read

As obras de substitución da cuberta do IES Eduardo Pondal de Ponteceso avanzan a bo ritmo, así como actuacións relacionadas co lucernario e outras reparacións de menor entidade. A Xunta de Galicia destinou 414.137 euros á renovación da cuberta do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, unha actuación moi demandada pola comunidade educativa  debido ao mal estado que presenta a instalación desde hai anos e aos danos agravados polos temporais rexistrados durante este inverno.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, lembrou que a renovación da cuberta permitirá solucionar os problemas que se veñen producindo desde hai anos e mellorar as condicións de seguridade e conservación do edificio, evitando que as filtracións e outros danos poidan provocar deterioros de maior importancia.

O primeiro edil agradeceu ao conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, a súa implicación para mellorar as infraestruturas educativas do municipio e atender a vontade do queipo de goberno.

“É unha actuación moi importante para o noso concelllo polo deterioro que presentaba o tellado que soportou moitos temporais durante os últimos anos e permitirá aumentar a seguridade do centro educativo”, apuntou.

Esta actuación forma parte do paquete de medidas posto en marcha pola Xunta para reparar os danos ocasionados polos temporais nos centros educativos galegos.

En total, a Consellería de Educación destinou inicialmente 5,2 millóns de euros para atender 119 incidencias rexistradas en colexios e institutos de Galicia.