Avanzan a bo ritmo as obras de urbanización da avenida Manuel Fraga, na Laracha

1 minutes read
  • O proxecto, valorado en case 245.000 euros, forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís

As obras de urbanización da avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo, pola parte posterior do IES Agra de Leborís, avanzan a bo ritmo tal e como puideron comprobar este martes o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto.

O proxecto, valorado en case 245.000 euros, forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do Instituto. Inclúe a pavimentación da calzada, construción de beirarrúas, aparcamentos, axardinamento, redes de saneamento e abastecemento, canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública e tamén a sinalización horizontal e vertical. Tamén se contempla, entre outras medidas de seguridade viaria, un paso de peóns elevado.

Con esta intervención crearase unha circunvalación que conectará directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) pola avenida Doutor López Astray, mellorando as comunicacións rodadas ao evitar que os vehículos deban acceder polo centro do casco urbano da Laracha. A obra tamén permitirá habilitar un novo acceso cara o instituto –pola parte posterior do centro- para os autobuses de transporte escolar.

Ademais da apertura e urbanización da nova vía, nesta zona construirase unha segunda pista polideportiva descuberta –xunto á outra que xa está operativa- e un parque de patinaxe.