Avanzan as actuacións na potabilizadora municipal de Pontedeume


A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou no Parlamento de Galicia que a Xunta continúa avanzando nas actuacións na potabilizadora de Pontedeume para mellorar o funcionamento do sistema de abastecemento de auga.

A Xunta investirá 1,5 millóns de euros na emerxencia do río Eume e no abastecemento de Pontedeume, destinando a maior parte dese orzamento á modernización da potabilizadora.

Teresa Gutiérrez sinalou que se traballa para dotar a potabilizadora dunha cámara de mestura rápida, previa ao actual tratamento, que permita optimizar os equipos da planta. Engadiu que tamén se prevé automatizar este novo proceso e reforzar a filtración. A intervención na potabilizadora segue progresando estes días e xa se rematou a escavación necesaria para instalar a cámara.

A directora subliñou que a medida máis áxil e eficiente é actuar nesta planta municipal, que carece de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e consta dun decantador con pouca capacidade de filtrado.

Fixo fincapé en que a Xunta vén colaborando co Concello de Pontedeume desde o primeiro momento, coa adopción de medidas que xa permitiron restablecer o martes o consumo de auga.