Avanzan as clases teóricas no ‘Obradoiro de Emprego A Laracha VII’

1 minutes read
  • Este programa ten un orzamento de 347.000 euros cofinanciados polo Concello e a Consellería de Emprego e Igualdade

As dúas especialidades do Obradoiro de Emprego A Laracha VII Pintura industrial en construción e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais– continúan avanzando na fase de aprendizaxe teórica.

Despois de case dous meses do inicio da actividade, os participantes xa completaron parte da formación específica para a súas especialidades así como a común, que inclúe a alfabetización informática, a sensibilización ambiental, orientación, información e asesoramento laboral e tamén prevención de riscos laborais. Neste último aspecto, todo o alumnado recibiu unha formación complementaria en primeiros auxilios. Ademais, o grupo de pintura industrial en construción está a realizar un curso sobre o emprego de Plataformas Elevadoras Móbiles de Persoal. Esta práctica comezou este mércores xunto ao viveiro de empresas municipal do parque empresarial. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeiro, acudiron para interesarse polo desenvolvemento da actividade.

Este obradoiro de emprego ten unha duración total de nove meses, contando con 20 alumnos-traballadores (dez por cada especialidade) e un equipo directivo, formativo e administrativo. O orzamento desta sétima edición alcanzou os 347.000 euros, cofinanciados entre o Concello da Laracha e a Consellería de Emprego e Igualdade.