Avanzan as obras da Base de Unidade Operativa (BUO) de Muíños

1 minutes read

Estas instalacións terán como obxectivo acoller persoal e medios do dispositivo autonómico para a loita contra os incendios forestais.

O conselleiro do Medio Rural, José González, supervisou o avance das obras da Base de Unidade Operativa (BUO) de Muíños, onde puxo de relevo a utilización que se está a facer da madeira de piñeiro e castiñeiro para fornecer esta edificación, que procurará a súa máxima integración no medio con materiais ecolóxicos e reciclables como elementos fundamentais. Deste xeito, tratarase dunhas instalación bioclimáticas coa máxima certificación enerxética.

A edificación contará con vestiarios e duchas, zona de cociña, comedor, elementos de descanso e un pequeno despacho. Disporá tamén dunha área exterior cuberta de aparcadoiro para vehículos. Neste sentido, a futura base actuará como un contedor de servizos de protección forestal, que poderá funcionar como nodo de todos os actores participantes neste labor, favorecendo a conciliación entre descanso e traballo dos bombeiros e axentes, sen esquecer a súa integración na contorna.

O proxecto estase a desenvolver nunha parcela de preto de 46.000 metros cadrados, sendo a superficie construída de algo máis de 223 metros cadrados, en planta baixa. Ademais, todos os elementos estruturais proxectados foron desenvolvidos por empresas e universidades galegas e a produción estase a realizar con madeiras locais, baixo a filosofía de quilómetro cero.