Avanzan as obras da estrada AC-418 ao seu paso polo concello de Malpica

1 minutes read

Este luns comprobaron a reanudación das obras o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Malpica Walter Pardo, o concelleiro de Turismo Alfredo Cañizo, e outros membros da corporación.

As obras retomaronse estes días, tal e como se comprometeu a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, co fin de evitar afeccións ao tráfico no verán, tal como solicitou o Concello de Malpica. As actuacións teñen un prazo de execución duns catro meses.

Rodeiro destacou que “o obxecto do proxecto é a reordenación e humanización da sección transversal da estrada nos seus últimos 300 metros, no treito urbano de Malpica”.

A estrada conta actualmente con dous carrís e beirarrrúas nas dúas marxes, aínda que estas teñen un ancho reducido, especialmente nos últimos 100 metros. Ademais, existen zonas de aparcadoiro na marxe esquerda nalgún tramo.

Coa obra prevista estreitarase aproximadamente 0,5 metros a calzada para destinar ese espazo ás beirarrúas. Ademais acometeranse melloras de firme e executaranse novas beirarrúas, que se pavimentarán con lousa de granito.

O proxecto tamén inclúe a renovación das redes de saneamento e pluviais, así como a humanización da área mediante a disposición de árbores e mobiliario urbano.