Avanzan as obras da glorieta de Xuño en Porto do Son

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comprobou o estado das obras e avanzou que o vindeiro mes de novembro estará rematada a nova glorieta da estrada AC-550 en Xuño, que reforzará a seguridade viaria nesa contorna de Porto do Son.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde, Luis Oujo, supervisou esta vía que constitúe a principal arteria de vertebración do concello e que ten como finalidade ordenar os movementos do tráfico rodado no lugar do Cruceiro, na parroquia de Santa María de Xuño, un treito da estrada autonómica AC-550 que rexistra unha intensidade media de tráfico de máis de 5.000 vehículos ao día.

Segundo explicou a conselleira, esta actuación céntrase na construción dunha nova glorieta co fin de mellorar o funcionamento da intersección que conecta a estrada autonómica coa vía que leva á igrexa pola marxe esquerda; e co viario que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita.

Do mesmo xeito puxo en valor a importancia desta actuación para mellorar a seguridade viaria nun núcleo de comunicacións importante da estrada AC-550 para o acceso aos equipamentos sanitarios e educativos e que rexistra moita afluencia de vehículos, especialmente no período estival.