Avanzan as obras da Praza do Pombal de San Miguel de Vilela, en Carballo

1 minutes read

Trátase dun proxecto, do arquitecto Carlos Seoane, que permitirá poñer en valor o pombal cilíndrico deste lugar como elemento singular e identificativo da parroquia. Recuperar a relevancia do pombal e o protagonismo da antiga nogueira situada ao seu carón, como elementos centrais dun espazo público de calidade nun lugar de gran carácter e valor patrimonial e paisaxístico, e o gran obxectivo.

A proposta arquitectónica baséase na creación dunha gran praza entre o pombal e a igrexa, totalmente accesible e que se transforme nun lugar de encontro e celebracións comunitarias. Esa ampla zona pavimentada quedará encadrada entre dous bancos situados en esquinas opostas en forma de L, un deles cuberto cunha marquesiña metálica que servirá de soporte para unha futura parra. O outro será o punto de partida para a construción dunhas gradas que, ademais de resolver a forte pendente do terreo, aproveitarase para xerar outro lugar de estancia e celebración, no que se creará unha zona de sombra grazas á plantación dunha nova árbore. A iluminación proxectada mellorará a visibilidade nocturna e fará da praza un lugar atractivo tamén pola noite.

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Miguel Vales, Juan Seoane e Daniel Pérez visitaron as obras que contan cunha inversión municipal de 250.000 euros.