Avanzan as obras de abastecemento de auga a Lema, Carballo

Obras de abastecimiento de agua a Lema_Ayuntamiento de Carballo

  • O investimento que se realizará neste mandato para garantir o subministro de auga na zona costeira supera os 3,2 millóns de euros

Continúan a moi bo ritmo as obras de extensión da rede de abastecemento de auga desde Razo ata Lema, no municipio de Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, puideron comprobar este avance realizado pola empresa local Vázquez y Reino, que iniciou as actuacións no mes de abril e estes días continúa na zona de Cambre.

O abastecemento a Lema forma parte dun programa de actuacións que permitirán estender o servizo público de auga a todo o litoral. Coa actuación que está en marcha nestes momentos, incluída no POS+Adicional 2019 cun orzamento de 431.876,23 euros e adxudicada por 361.912,28, construirase a canalización principal ata Razo, así coma un ramal cara a praia e as conexións ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira, O Igrexario e Castrillón.

A mesma empresa executará tamén o proxecto das redes de abastecemento e saneamento dos núcleos de Cambrelle (Razo), Cambre e Outeiro (Lema), que se financia con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais do ano 2019 cunha partida de 416.971,86 euros, sendo adxudicado por 375.953,74 euros. Neste caso, ademais da instalación das tubaxes, tamén se prevé realizar a reposición de todo o viario afectado con cemento.

Con cargo ao programa POS+ deste ano tamén se levará a cabo a rede de abastecemento a Pedra do Sal, unha actuación que reforza a intención do goberno local de garantir neste mandato o subministro de auga a toda a zona costeira, o que suporá un investimento de máis de 3,2 millóns de euros. Este proxecto sairá a licitación tan pronto como a Deputación da Coruña dea luz verde, algo que está previsto que suceda a principios do verán.

No ano 2020 entrou en servizo a rede de abastecemento a Oza e Razo cun orzamento de case 1,7 millóns de euros, financiados exclusivamente con fondos municipais.

A maiores, está en fase de redacción por parte da Xunta de Galicia o proxecto para completar o abastecemento e/ou saneamento nos lugares de Sambade, Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, A Chamusqueira, Agramaior e Centeás (Lema); O Salto, As Travesas, Castelo, San Miguel e Vilela (Vilela); A Algara, O Rapadoiro, As Infantas, O Campo e Casanova (Noicela) e Rebordelos, Vilar de Peres e Constenla (Rebordelos). O Concello de Carballo ten solicitada a colaboración da Xunta para a redacción do proxecto e para a posterior execución da obra, cuxo custo se definirá no documento.