A corporación municipal aprobará no pleno ordinario de setembro, convocado para o luns 27, a modificación da ordenanza fiscal que regula as taxas do cemiterio municipal co obxectivo de establecer os prezos para os novos nichos e columbarios. “Trátase de axilizar os trámites para poder realizar as adxudicacións cando rematen as obras”, tal como explicou o alcalde, Evencio Ferrero. O proxecto de ampliación desenvolverase en tres fases. A primeira, que é a que está en construción, inclúe 720 nichos e 96 columbarios. O acordo que adoptará o luns o pleno da corporación permitirá establecer, unha vez supere o período legal de exposición pública, os prezos para os lugares de enterramento, de 840 euros por nicho, o que supón 3.360 euros por panteón; e 330 euros por columbario. O Concello porase en contacto con todas as persoas que presentaron solicitude nos últimos anos para saber se continúan interesadas, e a partir de aí estableceranse os criterios de adxudicación.
29