Ata o de agora, os traballos centráronse na liberación de espazos e na reposición de servizos necesarios para compatibilizar a execución das obras e o funcionamento do hospital.
Actualmente xa está despexado o andar -1 do Hospital Materno, restando só o traslado duns vestiarios que se prevé realizar no mes de outubro. Nos espazos dispoñibles están a executarse as demolicións sectorizadas de tabiquerías e o corte e desvío de instalacións do hospital.
Tamén se retirou a pasarela que comunicaba o Hospital Materno co edificio do Cristal, procedendo a demoler os espazos existentes baixo a mesma, como as antigas dependencias do 061 ou a zona de carga. A previsión é poder instalar a grúa torre no mes de outubro, que se situará nas dependencias liberadas polo 061.
Os traballos máis intensos están a centrarse na apertura de catas e recoñecemento de zapatas das cimentacións actuais para os reforzos estruturais que sexa necesario acometer. Tamén se continúa tomando datos da estrutura do Hospital Materno nas plantas actualmente despexadas.