Avanzan as obras de construción do centro comunitario de Caión

Foto.- Cedida.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, visitaron en Caión, xunto á dirección do proxecto e a responsables da empresa que o está a executar, as obras de construción do centro sociocomunitario que se está a levantar na zona da Insua.

Os membros do goberno local puideron coñecer in situ o resultado do desenvolvemento das primeiras actuacións no interior do novo edificio, consistentes nas divisións interiores, colocación do solo, carpintería metálica e de madeira, fontanería, electricidade, climatización, etc. Esta fase das obras prolongarase durante as próximas semanas.  Na parte exterior, a estrutura xa está rematada, o que permite contemplar a singularidade e a envergadura da edificación. Cabe lembrar que a primeira fase, a cimentación, fora especialmente laboriosa pola dureza do terreo sobre o que se asenta o inmoble.

O centro comunitario de Caión contará con 882 metros cadrados de superficie repartidos entre o soto, a planta baixa e o primeiro andar. Será un edificio de vocación integradora dado que disporá de aulas polivalentes, salas temáticas e tamén un espazo administrativo ao que se trasladará a Confraría de Pescadores.

O proxecto de construción está valorado en 1,2 millóns de euros –cóntase co cofinanciamento de Xunta de Galicia-, aos que hai que engadir outros 104.000 euros que o Concello ten comprometidos para dotar ao inmoble co equipamento necesario para a súa posta en marcha.

A existencia do centro comunitario na zona da Insua permitirá programar iniciativas de interese xeral en Caión nunhas instalacións modernas, amplas e cómodas, espazos públicos que non existen na actualidade na vila costeira.