Proseguen as obras de creación dunha nova rede de abastecemento no núcleo de Suxo, en Muxía, coa instalación do tanque de auga nas aforas deste lugar, onde un gran guindastre estivo a realizar a montaxe desta estrutura, o epicentro do que será a nova instalación.
“Trátase dunha das intervencións máis relevantes da lexislatura e da recente historia de Muxía”, avanzaba o alcalde, Iago Toba, quen se refire a estes traballos como “unha demanda veciñal moi aclamada e que vén de lonxe”.
Así, o primeiro edil sinala que o goberno local xa ten preparada unha segunda fase desta intervención, cun investimento de 250.000 euros e que suporá o avance casi completo da infraestrutura. “Será unha das propostas que lle trasladaremos ao Pleno nos vindeiros días”, aseguraba.
Tras este “paso de xigante”, Toba sinala que “se trata para nós dunha gran alegría que a veciñanza observe que as promesas non eran papel mollado, como argumentaban os grupos da oposición”, senón que “se trata dunha realidade ligada ao investimento feito, acorde á necesidade que ten Suxo dun servizo de primeira necesidade”, concluía o alcalde.