Xa están en marcha as obras de mellora da estrada municipal da parroquia de Soandres que comunica os núcleos de Vilanova, Saldante e Samir e remata na vía local A Laracha-Cerceda. Trátase dunha das estradas máis concorridas da parroquia por pasar xunto ao cemiterio e estar próxima ao mosteiro de San Pedro. Ten unha distancia de 2,5 quilómetros e unha anchura variable dun mínimo de 4,75 metros e un máximo de 6 metros. Esa superficie está a ser dotada cun novo pavimento de aglomerado asfáltico en quente. Contémplanse, tamén, a sinalización e a limpeza das cunetas e caños.
A actuación estase a desenvolver en dúas fases. Xa se levou a cabo a pavimentación do primeiro tramo que vai desde Vilanova ata o cemiterio.
O proxecto está a ser executado por Construcciones López Cao S.L. Está valorado en 91.000 euros e é cofinanciado entre o Concello da Laracha e a Consellería do Medio Rural ao estar subvencionado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020.