Avanzan as obras de mellora da seguridade na estrada AC-445 en Estorde, Cee

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanza nas obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-445 en Estorde, no concello de Cee, no treito coincidente co Camiño de Fisterra, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

A actuación, que comezou en febreiro, desenvólvese no tramo desta ruta do Camiño de Santiago que cruza esta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 5,2 e 6.

A intervención consiste no acondicionamento deste tramo, coa execución dunha senda que suma un total de 631 metros de lonxitude e a condución de pluviais mediante 84 metros de tubaxe.

Completarase coa mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago. Estas obras teñen como obxectivo reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos.