Trátase dunha das actuacións de mellora da rede viaria que se está a executar no Concello da Laracha despois do reinicio de determinadas actividades profesionais non esenciais autorizado polo Goberno central.
Nestes momentos avánzase na creación da beirarrúa de 250 metros de lonxitude que comunicará o acceso principal ao areal co cruce da Avenida da Laracha, ofrecendo así un espazo peonil diferenciado da calzada co importante incremento da seguridade viaria que iso implica.
A continuación actuarase no ámbito de circulación dos vehículos, onde se realizará o novo pavimentado da zona de rodadura e o establecemento dun carril para cada sentido que permite o ancheamento da plataforma da calzada. Grazas a esta mellora, facilitaranse as comunicacións en dirección entrada e saída á praia, polo que se evitará ter que desviar o tráfico en temporada alta por A Pedreira, coas molestias que supoñía para os residentes nese núcleo de poboación.
O proxecto, que está valorado en máis de 75.000 euros, tamén contempla a sinalización horizontal e vertical.