Avanzan as obras do búnker de radioterapia do Hospital Público de Montecelo, en Pontevedra


As obras de construción do hospital seguen avanzando de xeito simultáneo en diferentes estruturas e os vindeiros meses serán claves para o remate de varias zonas de edificación, que xa proxectan a imaxe final desta primeira fase do centro hospitalario. 

Unha desas estruturas é o búnker de radioterapia, que reflicte a dimensión, a singularidade e a complexidade da obra do Hospital Público de Montecelo, con unha superficie en planta rectangular de 430 m² e en cuxa construción se están a empregar 1.225 m³ de formigón e máis de 120 toneladas de aceiro.  

Con todo, estes grandes elementos construtivos de formigón armado non son suficientes, por si sos, na edificación convencional, para disipar a radioactividade procedentes dos equipos de radioterapia de grandes dimensións e última xeración que albergará o búnker. Por iso, atendendo a estas exixencias técnicas, para a execución do que é unha zona sensible e de especial protección, no búnker estanse a empregar un formigón de características especiais.  

Neste caso, substituíuse como árido de mestura o habitual granito de canteiras por barita, un mineral que presenta unhas propiedades únicas que confiren unha elevada densidade. O resultado é a obtención dun formigón baritado que amplía a densidade nun 30% con respecto ao formigón armado habitualmente utilizado no sector da construción. 

O cambio de granito procedente de canteiras próximas por barita fai que o prezo se multiplique, tendo en conta que na actualidade non existen canteiras nacionais operativas deste mineral, e que o custo da súa extracción é elevado. Na obra hospitalaria de Pontevedra o material que se está a empregar provén de Marrocos e é trasladado por transporte marítimo. 

Desde a lousa de cimentación do búnker parten os muros, con espesores que chegan ata os 160 centímetros, e cunha tapa superior, tamén maciza, que alcanza os 170 centímetros de grosor.  

Para extremar a protección e a seguridade do persoal médico e dos pacientes, o espazo interior do búnker distribúese en forma de labirinto, co obxectivo de que a zona de exposición aos tratamentos radiolóxicos estea sempre separada e illada da zona de control médico, mediante grosos muros de formigón que protexan ao persoal médico e sanitario e aos pacientes. 

A disposición e as características de obra son as dun auténtico refuxio de radioactividade destinado a salvar vidas. A execución require dun proxecto específico, diferenciado do resto da actuación, que necesita contar coa aprobación do Consello de Seguridade Nuclear.  

O búnker de radioterapia comezou a construírse o pasado mes de outubro na esquina sueste do novo edificio hospitalario. Está previsto que a estrutura quede rematada a finais de ano, para continuar nos meses seguintes co proceso de dotación de instalacións, acabados e equipamento radiolóxico. Nese espazo funcionarán dous equipos de radioterapia externa de grandes dimensións e con tecnoloxía de última xeración.