O Concello de Carballo está a realizar un investimento de case 600.000 euros nos proxectos de construción dun novo e moderno centro social en Bértoa, por unha banda, e da reforma integral da antiga escola de Lema, por outra. Estas dúas actuacións responden ás demandas da veciñanza e permiten seguir estendendo por todo o territorio unha rede municipal de locais públicos que contribúen á dinamización cultural, deportiva e social das parroquias.
En Lema as obras comezaron a semana pasada, pero, como puideron comprobar este mércores o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e a concelleira de Facenda e Patrimonio, Belén Lendoiro, avanzan a moi bo ritmo e estarán listas a finais de ano.
O de Bértoa será un inmoble de 530 metros cadrados, divididos en dous volumes construídos baixo unha mesma cuberta, que se integrarán na contorna utilizando materiais coma a pedra, a madeira e o formigón visto, que ao mesmo tempo destacan pola súa durabilidade. Nun dos volumes crearase un auditorio de 107,8 metros cadrados, ademais de almacéns, aseo e hall. No outro, destinado á actividade diaria, haberá unha aula de informática, un salón social, unha oficina, aseos e hall. No exterior crearanse unha zona de barbacoa e un patio.