Avanzan os plans para a ampliación do polígono da Laracha


A xerente de Suelo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, avanzaron este venres nas xestións encamiñadas á ampliación do polígono, ante a constatación da crecente demanda de chan empresarial no municipio.

O polígono da Laracha é un dos de maiores dimensións dos 13 que xestiona SEA, dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, ao dispoñer de 537.925 metros cadrados netos, dos que xa están ocupados preto do 75%.

Na reunión celebrada no Concello da Laracha, participaron técnicos municipais e de Suelo Empresarial do Atlántico, e avanzouse nos plans para a ampliación do polígono, “unha vez constatada a interesante demanda de investimento industrial e a celeridade das modificacións do proxecto sectorial”, explicou Beatriz Sestayo.

José Manuel López Varela mostrouse “satisfeito pola reunión para analizar a situación actual do polígono” e valorou positivamente “a boa sintonía para seguir avanzando na súa ampliación, na que todas as partes estamos de acordo”.

Ademais, co acordo entre ambas partes está a piques de finalizarse a tramitación da modificación do proxecto sectorial, que permite aumentar as alturas permitidas nas edificacións e suprimir o límite de superficie máxima de 600 metros en distintas áreas, entre outras medidas, para facer o polígono “máis permeable ao establecemento de distintas industrias”, subliñou Sestayo.

A fase actual, pendente dos informes pertinentes da Xunta, prevese que se finalice este mes, para que posteriormente sexa ratificado pola área de Urbanismo municipal.

A ampliación, desenvolveríase cara á zona norte e supoñería a mellora da oferta empresarial nun espazo cunha localización estratéxica na provincia da Coruña e que experimentou un crecente interese nos últimos anos.

A xerente de SEA puxo en valor tamén a “absoluta concordancia na modernización e humanización” deste parque empresarial, co obxectivo de “achegarlle un avance ambiental, coa incorporación que realizou o Concello de sendas peonís”.