Avanzan os traballos no acceso á igrexa de Rus, Carballo

1 minutes read
  • Estas actuacións forman parte dun proxecto de mellora de espazos singulares en varias parroquias, como as de Artes e Oza

A igrexa parroquial de Santa María de Rus (Carballo), un dos exemplos máis importantes do barroco na comarca de Bergantiños, xa loce diferente coas obras de pavimentación da zona de acceso que está realizando a empresa Vázquez y Reino. Trátase dun traballo enmarcado dentro do proxecto de mellora de espazos singulares nas parroquias de Oza, Artes e Rus; unha posta en valor do patrimonio do concello.

Recollendo a petición do Consello Parroquial, o ano pasado procedeuse ao soterramento do cableado que afeaba o edificio e, aínda que segue pendente a retirada dos postes por parte de Telefónica, o edificio xa loce doutra forma tal e como comprobaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras, Luis Lamas, e o de Seguridade e Mobilidade, Juan Seoane.

«Agardamos que o resultado responda ás expectativas da veciñanza e que unha das xoias do noso patrimonio, construída entre os séculos XVII e XIX, teña o realce que merece», sinalan desde a alcaldía.