O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, reuniuse coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e co equipo técnico contratado para desenvolver os traballos da área de risco potencial sobre a inundación de Ponteceso.
Os traballos técnicos están moi avanzados e teñen previsto concluílos no mes de setembro cunha proposta. O alcalde puido coñecer todas as medicións que se están facendo para baixar a lámina do río Anllóns.
Trátase de amortecer as crecidas do río e tamén a subida da marea recuperando para o espazo do río, espazos que se foron ocupando con recheos e con motas. Desta maneira non só se conseguiría mitigar as crecidas do río durante as mareas vivas senón tamén preparar o entorno para un futuro onde se prevé o crecemento do nivel do mar. Con esta baixada do río Anllóns prevese que as trapetas onde desaugan os canais teñan máis tempo de evacuación e mitigar así as inundacións.
Carballido pediu que se tivera en conta a ampliación da capacidade de desaugue deses canais cando hai marea baixa e as clapetas están abertas e que se dirixan os estudios cara a maneira de aumentar a capacidade de evacuación deses canais como solución definitiva para evitar as inundacións do centro de Ponteceso.
O rexedor trasladou o seu agradecemento polo ARSI, pero pediu celeridade tanto na finalización do estudio como na planificación de obras debido a que existe un gran descontento no centro de Ponteceso porque ano tras ano se seguen producindo danos nas vivendas e empresas localizadas nas inmediacións deses canais onde desaugan todos os ríos de Tella, Brantuas, A Graña e o Couto.
Para mitigar as inundación que anegan a Avenida Eduardo Pondal, proximamente vaise adxudicar unha obra de desvío dun colector que recollerá toda a agua do campo da feira para sacala ao Xuncal da Ferradura.