A Xunta de Galicia licitará antes de que remate o ano a redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) do futuro polígono de Cabana de Bergantiños, un documento que permitirá definir e planificar a creación da primeira área industrial deste Concello.
O alcalde, José Muíño, mantivo este venres unha reunión coa vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS, Heriberto García, para abordar o desenvolvemento de solo empresarial no municipio e os últimos avances ao respecto.
A vicepresidenta explicou que o futuro polígono está previsto na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg), impulsada polo Goberno galego e cuxa aprobación definitiva está planificada para antes do remate de 2023. Unha vez modificado o Psoaeg, engadiu que o seu departamento, en calidade de promotor da actuación, sacará a licitación pública os traballos para redactar o PEOSE do polígono de Cabana de Bergantiños, un documento que, xunto co proxecto de urbanización, definirá o número de parcelas e o seu tamaño, as prazas de aparcadoiros ou as zonas verdes a desenvolver, entre outras cuestións.
O polígono industrial proxectado disporá nesta primeira fase dunha superficie bruta de case 271.000 metros cadrados, calculada a partir dos estudos realizados sobre as necesidades do municipio neste eido.
O alcalde, José Muíño, agradeceu “a sensibilidade da Xunta” para materializar un proxecto crucial para o desenvolvemento da localidade. “O parque empresarial será unha ferramenta clave non só para Cabana, senón que para toda a bisbarra, xa que potenciará o asentamento empresarial e permitirá posicionarnos como un destino atractivo a nivel laboral, promovendo a economía e a fixación poboacional”, sinalou o rexedor.
Do mesmo xeito, fixo fincapé en que a súa proximidade á autovía da Costa da Morte reforzará a competitividade da comarca e suporá un impulso para que “cada vez un maior número de poboación poida residir e desenvolver a súa actividade laboral na zona”.