A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración avanza co Concello de Cee nos trámites para reformar e ampliar a oficina de emprego coa que conta este municipio, situada na rúa Domingo Antonio de Andrade coa finalidade de obter máis espazo para as funcións desta oficina que abarca o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para iso, o concello cederá á Xunta o local que acolle esta oficina de emprego, que na actualidade o Goberno galego ten alugado ao municipal, e un local na primeira planta do edificio contiguo a esta oficina.
Esta iniciativa, para a que o Goberno galego conta cunha axuda estatal preto de 538.000 euros, enmárcase no proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia e con ela contribuirase a seguir reforzando os servizos orientados a impulsar a empregabilidade das persoas da zona que abrangue esta oficina -Vimianzo, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Dumbría, Mazaricos e Muros-. Entre estes servizos están, a xestión das ofertas ou da formación para o emprego ou a orientación en materia laboral.
O investimento destinado pola Xunta a esta actuación concretarase nos seguintes pasos, que entre eles serán o de formalizar a cesión das instalacións por parte do Concello á Xunta, a redacción do proxecto desta actuación, do que resultará a distribución final dos espazos, e posteriormente a licitación da obra.