Preto das dez da noite deste luns, un gandeiro de Santaia de Gorgullos contactou co servizo telefónico de emerxencias para avisar das dificultades para controlar unha vertedura de xurro.
Segundo puideron comprobar os axentes da Garda Civil, a perda do ludro produciuse pola rotura do muro de contención dunha fosa, na que había acumulado máis dun millón de litros de líquido.
En base ás primeiras estimacións realizadas polos axentes, verteuse aproximadamente un tercio da cantidade total, que descende por unha ladeira camiño do río de Bustelo.
Deste xeito, seguindo as indicacións dos técnicos do centro de control de vertidos de Augas de Galicia, desde o 112 Galicia, avisouse aos concellos lindeiros, situados augas abaixo, co fin de que extremen a vixilancia sobre o curso fluvial.
Da mesma maneira, nas próximas horas, realizaranse os controis e toma de mostras necesarias para determinar o alcance da vertedura.
