Aviso laranxa por mar de fondo en todo o litoral da Coruña, con ondas de seis metros


A costa coruñesa está en aviso laranxa por un temporal que está deixando ondas de seis metros. Ademais, o vento sopra con intensidade, complicando unha situación que o luns se estenderá a toda Galicia.

A imaxe de Barizo en Malpica xa é un clásico deste inverno. Apenas hai movemento nos portos e os barcos están amarrados, derrotados por temporais sucesivos que impiden saír ao mar. “Levan tres meses así e non para. Para os mariñeiros esto é un desastre”, comenta a xente do mar.

Estado do mar este domingo en Barizo- Malpica de Bergantiños.

O mar de fondo activou o aviso laranxa na costa coruñesa e está deixando ondas de seis metros. Nas Rías Baixas e na Mariña o aviso por temporal é amarelo. No litoral da Coruña e de Lugo o vento do sudoeste soprou con forza sete.

Os accesos ás praias da Coruña estiveron pechados por precaución. Seguirán precintados durante a xornada deste luns. Remitirá o vento, pero o aviso laranxa por mar de fondo esténdese a toda a costa de Galicia.