Avistadas crías de píllara das dunas en varios areais de Ferrolterra

1 minutes read

A pasada fin de semana produciuse o avistamento de crías de píllara das dunas en varios areais da Comarca de Ferrolterra. Esta escena comezará a repetirse en moitos dos areais galegos porque os primeiros poliños de píllara das dunas están a romper os ovos, mentres que a maioría dos niños aínda son incubados polas píllaras adultas.

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus, e en castelán chorlitejo patinegro) é unha especie vulnerable que realiza as postas de ovos directamente sobre a area, polo que os ovos e os poliños están sempre no chan, ata que os polos aprenden a voar. A súa presenza é moi común en sistemas dunares e en praias ben desenvolvidas en todo o litoral galego.

Cómpre lembrar que esta ave conta cun plan de conservación en Galicia aprobado xa no ano 2014 e o interese por esta especie fixo que no ano 2019 a píllara das dunas fose elixida ave do ano pola ONG SEO/Birdlife.

Tanto os ovos como os poliños resultan difíciles de ver polas súas cores miméticas. As zonas de posta sinalízanse en moitos casos con carteis para advertir da súa presenza, para que a xente se manteña alonxada, e algúns niños protéxense con cerramentos, co fin de evitar que o niño se destrúa accidentalmente ou que os pais deixen de incubar os ovos no caso de sentirse ameazados.