Axentes medioambientais localizan os cadáveres de dous cans no río Tea en Covelo

1 minutes read

Tras a localización dos cadáveres e tendo en conta as circunstancias nas que aparentemente se produciran as mortes, os funcionarios adscritos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxeron de inmediato os feitos en coñecemento do Servicio de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Ponteareas.

Unha vez inspeccionados os corpos dos cans —dúas femias, unha de 4 anos de idade e raza mastín español, e a outra de 7 anos e raza podenco— e grazas ás pescudas realizadas entre a Xunta e o Seprona, logrouse localizar ao presunto autor dos feitos, que xa prestou declaración en calidade de investigado no cuartel de Garda Civil de Ponteareas. Os feitos foron postos en coñecemento da autoridade xudicial competente.

Segundo o informe preliminar dos funcionarios da Xunta, os cans presentaban ao redor do pescozo un fío atado á súa vez a unha pedra.

Despois de tomar mostras para a súa posterior análise e realizar unha inspección ocular da zona ao redor do achado, os axentes medioambientais procederon á retirada dos dous animais do río. Unha vez completados os traballos in situ, trasladaron os cadáveres ao Centro de recuperación de fauna salvaxe de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, onde se lles practicou a necropsia para determinar a causa da morte.

Así mesmo e máis aló das posibles consecuencias que se poidan derivar desde o punto de vista medioambiental, a partir de agora a investigación correrá a cargo do Seprona tendo en conta a gravidade do suceso e as posibles responsabilidades penais por parte da persoa identificada como presunto responsable.