Axober e Escolas de Balonmán Xiria unen forzas

1 minutes read
  • Escolas de Balonmán Xiria e Asociación de Xovenes Empresarios de Bergantiños (AXOBER) unen forzas polo ecosistema deportivo e empresarial de Bergantiños.

Ambas entidades veñen de anunciar un acordo de colaboración co obxectivo de fortalecer os lazos entre o deporte e o tecido empresarial da comarca.

Moi sensibilizadas coa formación e co desenvolvemento local, entenden a necesidade de crear alianzas, cando os recursos e o talento e compromiso se xuntan, multiplican o impacto positivo. As empresas achegan apoio, coñecemento e contactos; nós traducímolo en balonmán: exercicio físico, educación en valores, espazos para a infancia e a mocidade, e un retorno real en visibilidade e boa reputación para quen aposta por Carballo e Bergantiños.

O acordo simboliza unha alianza de apoio mutuo: o Balonmán Xiria pasará a formar parte de AXOBER, mentres que a asociación empresarial converterase tamén en socia do club, reforzando así o vínculo entre o ámbito deportivo e o empresarial da comarca.

AXOBER, dende 1992, ten como obxectivo facer de nexo de unión entre os seus case 200 asociados. Participa activamente na dinamización do emprego, a formación, a promoción e o asesoramento do tecido empresarial de Carballo e de Bergantiños.

Con 43 anos de historia, unha estrutura profesional, 11 empregados en nómina, máis de 300 licenzas activas e centos de socios e socias, o Balonmán Xiria é hoxe un dos clubs de referencia en Galicia e mesmo no Estado, tanto pola súa base social como polo seu impacto deportivo e comunitario.

Con este motivo, todos os empresarios e empresarias asociados/as a AXOBER están convidados/as a asistir ao encontro deste sábado para coñecer de preto a realidade dun proxecto que combina deporte, valores e compromiso con Carballo e Bergantiños.