Axuda autonómica para unha ducia de festivais, certames e feiras culturais de carácter afeccionado

Festival de Ortigueira.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un total de 50.000 euros a este fin valorando que se trate de espectáculos abertos á cidadanía e a cargo de profesionais galegos. En concreto, foron beneficiarias 13 iniciativas, das que seis están promovidas por entidades sen ánimo de lucro e sete a cargo de concellos.


Recibiron a axuda o Festival Ameixa Rock, impulsado pola Asociación Cultural Ameixa Rock de Carril; a XXVIII edición de Revoltallo de Música e Cultura Emerxente, a cargo do Centro Cultural Artístico e Recreativo de Valladares, en Vigo; o XXI Festival Xironsa, da Asociación Cultural Xironsa de Cambados; o Encontro de teatro promovido polo Centro Cultural, Veciñal e deportivo de Vigo Centro; o VI Festival Intercéltico O Son Do Pazo, a cargo do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia, en Mos; así como o Festival Atlántida, da Sociedade Deportiva Atlántida, de Vigo.


No caso das entidades locais, beneficiáronse o Festival do Circo e do Humor, do Concello de Boborás; o Festival Aturuxos Ao Son da Ría, do Concello de Cangas; o Festival Ponte Louco, do Concello de Castro Caldelas; a Mostra de Teatro Maruxa Villanueva, do Concello de Chantada; o XII Festival de Jazz do Concello de Noia; o certame SuperArte III, do Concello de Viveiro; e a Semana Teatro da Romaría Vikinga, do Concello de Catoira.