Axudas a sete concellos da zona de Santiago para obras de abastecemento e saneamento


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitou a depuradora do municipio, onde informou que a Xunta investirá máis de 38.000 euros para levar a cabo melloras no pretratamento desta planta.

Trenor destacou que esta axuda inclúese dentro da nova orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para apoiar aos concellos máis pequenos, cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, na execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, á que destina un investimento global que rolda os 4 millóns de euros en toda Galicia.

No caso dos concellos de Santiago e da súa contorna estas axudas beneficiarán a sete municipios: Boimorto, Frades, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Val Dubra que recibirán en total máis de 315.000 euros para garantir o funcionamento óptimo dos seus sistemas de abastecemento municipal ou para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como á construción de novas infraestruturas.

Con esta liña de subvencións, trátase de apoiar actuacións nos municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes para garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

O límite máximo das axudas foi de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Así, os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.