Axudas á viabilidade de 21 salas de cine de 13 localidades

1 minutes read
Foto.- Xoán Crespo.

Trátase da adxudicación autonómica de preto de 240.000 euros ao abeiro da primeira convocatoria de subvencións á exhibición cinematográfica, da que resultaron beneficiarias 15 empresas para o desenvolvemento de proxectos en 21 salas de cine de 13 localidades. Dáselle así resposta á totalidade das propostas e contías solicitadas no marco desta nova medida, consensuada co sector, que busca contribuír á viabilidade deste tipo de espazos e reducir o impacto da crise sanitaria na súa actividade.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantivo un encontro cos representantes de dúas das salas beneficiarias: Xan Gómez, de Numax de Santiago de Compostela, e Luis Rivadulla, de Minicines Central da Estrada, integrantes así mesmo de Promio, a nova rede de exhibición independente a nivel estatal.

Xunto con elas, tamén figuran na resolución os Cines Avenida de Caldas de Reis, Cantones Cine, Cinesa Marineda e Cines Yelmo Espacio Coruña e Los Rosales da Coruña, Dúplex de Ferrol, Codex Cinema e Cines Cristal de Lugo, Cines Pontevella de Ourense, Cinexpo Vialia de Pontevedra, Cines Ribadeo, Cinesa As Cancelas de Santiago de Compostela, Cines Salesianos, Gran Vía, Praza Elíptica e Yelmo de Vigo, Cines Gran Arousa de Vilagarcía, Cines Viveiro e Cine Gesma de Xinzo de Limia.