Axudas de máis de 1,6 M€ para poñer en marcha proxectos innovadores no sector pesqueiro

1 minutes read

A Consellería do Mar pon a disposición do sector pesqueiro máis de 1,6 millóns de euros en axudas para desenvolver proxectos innovadores. Poderán optar a estes apoios os propietarios de buques pesqueiros e as súas organizacións ou asociacións -incluídas as confrarías de pescadores- que conten coa colaboración dun organismo científico que desenvolva as operacións e valide o seu resultado. Terán a consideración de organismo científico ou técnico os incluídos no rexistro creado ao abeiro do real decreto polo que se regulan os Centros Tecnolóxicos e os Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica. Tamén poderán validar os resultados os Organismos públicos de investigación (OPI) indicados na Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, os recoñecidos pola normativa propia das comunidades autónomas e as universidades públicas e privadas ou entidades do sector público que desenvolvan actividades de I+D+i.

Esta convocatoria comprende dúas liñas de axuda diferentes. Unha delas é para proxectos innovadores que busquen desenvolver ou introducir produtos e equipos, procesos e técnicas ou sistemas de xestión ou organización novos ou perfeccionados e a ela destínanse 810.000 euros. A outra liña de axudas conta con 800.000 euros e enfócase a operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños que contribúan á eliminación gradual dos descartes e as capturas accesorias e á introdución de técnicas de pesca perfeccionada e de artes máis selectivas.