Axudas do GALP Costa da Morte para o sector pesqueiro

galp

O 1 de marzo de 2020 finaliza o prazo de presentación de solicitudes de  axuda do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xestiona o GALP Costa da Morte. Este apoio é moi importante xa que supón un notable impulso económico para o sector pesqueiro; máis de catro millóns de euros de axudas directas.

As axudas pretenden apoiar ao sector pesqueiro incrementando o valor dos recursos do mar, contribuíndo á súa preservación e tamén, mellorando a calidade de vida e as condicións de traballo do sector. Están abertas a calquera persoa que queira promover un proxecto vinculado co sector, a confrarías da zona costeira e tamén a entidades ou asociacións profesionais. Para iso é moi importante poñerse en contacto co GALP, que ten a súa sede en Buño.

Con este motivo, vanse a celebrar na Confraría Virxe do Monte de Camariñas unhas xornadas de animación este vindeiro martes, día 11 de febreiro ás 18:00 horas. Estas xornadas pretenden animar ao sector para que presente proxectos, para o cal se vai a contar coa testemuña de dúas experiencias de proxectos financiados por GALP doutras zonas costeiras. Falamos de Conservas Faro de Burela, que se dedica á elaboración artesá de conservas de pescado, sendo o bonito o seu principal produto e tamén, da Confraría de Cedeira, que impulsa un proxecto no que combina a depuración, embolsado, etiquetaxe e venda directa de moluscos bivalvos vivos, dotando á zona de Ortegal dun servizo co que non conta.

O GALP Costa da Morte mantivo reunións en todas as confrarías para informar e divulgar o programa, e escoitar de primeira man as necesidades do sector. Estas xornadas responden ás principais liñas de traballo que lle interesan ás mesmas, de cara á valorización dos recursos que explotan, ou que teñen previsto explotar.

A reunión é aberta a calquera persoa ou entidades que queira asistir, para o cal se agradece a comunicación ao GALP.