Xa hai data para celebrar o pleno de investidura da candidata do Partido Popular, Isabel Díaz Ayuso, como presidenta da Comunidade de Madrid. Será durante os próximos 13 e 14 de agosto, martes e mércores, tal e como o comunicou o presidente do Parlamento madrileño, Juan Trinidad.
Ayuso recibirá os apoios de Ciudadanos e de VOX, e non contará co respaldo do PSOE, de Unidas Podemos e de Más Madrid.
A candidata polo PP asegurou que o seu Goberno estará comprometido coa baixa fiscalidade e que o seu equipo de conselleiros conxugará experiencia na xestión e persoas que debutan en política. Tamén manifestou que o Executivo será punteiro en materia de Sanidade e emprego, deixando atrás os populismos.
Díaz Ayuso desmarcouse de Esperanza Aguirre e Cristina Cifuentes, relacionadas con temas de corrupción no Caso Púnica, manifestando que é outra persoa, con outro perfil, outra etapa e outros proxectos.
Pola súa banda, o candidato á Comunidade de Madrid por Ciudadanos, Ignacio Aguado, xa advertiu a Ayuso de que romperán co seu partido se hai algún indicio de corrupción.