As Torres do Allo acolleron este xoves a presentación dos VI Premios Fouciño, o festival de curtametraxes que se celebrará do 22 ao 24 de outubro en Baio e que nesta edición pon o foco na animación galega. No acto participaron o alcalde de Zas, Manuel Muíño; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; e os representantes da asociación Premios Fouciño Alejandro Gándara e Lucas Espasandín.
O festival, organizado co apoio do Concello de Zas e da Deputación da Coruña, contará este ano cun novo espazo no centro de Baio, o Local Fouciño, onde se desenvolverá boa parte da programación. Durante tres días combinaranse proxeccións, actividades formativas, encontros co público, propostas para a mocidade, o concurso de curtametraxes e música en directo.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, agradeceu o apoio da Deputación e o traballo da asociación Premios Fouciño, e destacou que “estes premios están a contribuír a converter a Baio nun lugar de encontro da curtametraxe galega”. Muíño quixo lembrar tamén a Mabel Montes, “porque ela e varios dos seus compañeiros foron os primeiros en iniciar esta andaina”, e puxo en valor o traballo do actual equipo organizador, especialmente pola súa colaboración cos colexios e institutos da comarca.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou o papel do festival na dinamización cultural do territorio e afirmou que iniciativas coma esta permiten “loitar contra o illamento cultural e demostrar que o medio rural coruñés é un escenario vivo, punteiro e vangardista para o desenvolvemento de propostas audiovisuais de calidade”.
Os representantes da asociación agradeceron o apoio do Concello de Zas e da Deputación da Coruña, que consideran indispensable para o desenvolvemento do festival, e destacaron o esforzo por coidar tanto a programación como a dimensión estética dunha proposta que busca achegar ao público unha mostra diversa e innovadora do audiovisual galego.
Programación ao completo
A programación comezará o xoves 22 cunha retrospectiva dedicada a Dygra Films, pioneira da animación 3D en Europa, coa proxección de ‘Taxia’ e ‘El bufón y la infanta’, nunha sesión que contará coa presenza de Manolo Gómez, fundador do histórico estudo galego. O venres, a animación chegará tamén ao IES de Baio cunha charla de Raquel Rodríguez e, pola tarde, proxectaranse no Local Fouciño varias curtametraxes galegas de animación, entre elas ‘Homeless Home’, ‘The Monkey’, ‘Sandwich Cat’ e ‘O corpo de Cristo’. A xornada completarase cun concurso de dobraxe en directo.
O sábado 24 será o día grande do festival, con actividades relacionadas coa creación audiovisual da mocidade, a presentación da curtametraxe realizada no obradoiro de documental da cooperativa A Furna, a proxección de ‘Jardín de Plástico’, de Daniela González, e ‘Os Poetas e o Lume’, creado desde o CEIP Labarta Pose de Baio. Pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar a competición oficial, coa proxección das curtametraxes finalistas das categorías Xeral e Escolar e a votación dos Premios do Público. As obras finalistas daranse a coñecer a comezos de outubro. Os premios serán de 1.000 euros, 500 euros e 200 euros para os Premios do Público.
A xornada rematará na Praza Jorge Mira cunha noite de premios e música. Ás 22.00 horas actuará Mal Juicio e, ás 23.00 horas, terá lugar a entrega dos galardóns. A festa continuará con ünder & Diego Flâneur, Laura Lamontagne, Skanderani e Ningún DJ.
‘Afiando Fouciños’ como antesala
Este ano, como novidade e como antesala dos Premios Fouciño, o alcalde presentou o ciclo “Afiando Fouciños”. Este ciclo desenvolverase durante as catro semanas anteriores con catro proxeccións documentais en Baio e Zas. A programación comezará o 26 de setembro con ‘O río Porto, o río grande da Terra de Soneira’ do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e continuará con ‘360 Curvas’, ‘Crónicas dun Non’ e ‘Deuses de Pedra’, esta última o 18 de outubro no Local Fouciño de Baio.
