Baio volverá acender o ‘Punto Rojo’: tres días de descontos, tapas, premios e moita vida nas rúas

A vila de Baio prepárase para converterse, os días 22, 23 e 24 de agosto, no epicentro das oportunidades coa celebración dunha nova edición do Punto Rojo, a feira de liquidacións que enche o comercio local de prezos irresistibles e moita animación. 

Durante estas tres xornadas, os establecementos asociados ofrecerán os seus saldos de fin de temporada, mentres que os locais de hostalería se suman coa súa xa tradicional ruta de tapas. Ademais, todas as compras realizadas durante a campaña poderán optar a 1.700€ en premios, repartidos entre a clientela. 

A feira complétase cunha programación para todos os públicos. O venres pola noite, a praza converterase nun cine de verán cunha sesión de cine nocturno ao aire libre. A partir do sábado, os máis pequenos poderán gozar de inchables, actividades infantís e un tren turístico que lles permitirá percorrer os distintos establecementos da vila. Non faltará a música polas rúas nin tampouco un obradoiro especial dos Premios Fouciño, que traerá moita creatividade a Baio. 

Outro dos atractivos do Punto Rojo serán os postos na rúa, onde os comercios sairán á vía  pública con grandes oportunidades e, ademais, habilitarase un espazo para que particulares  poidan montar postos de segunda man con artigos ós que queiran darlle unha segunda vida. As persoas interesadas deberán poñerse en contacto coa asociación a través das redes sociais. 

A actividade está organizada polo Concello de Zas e a Asociación BaiOn, e busca consolidarse  como unha das citas imprescindibles do verán na Costa da Morte, poñendo en valor o comercio local e dinamizando a vida social da vila. 

Related posts

Portos e Concello de Fisterra acordan a proposta para a reversión ao Estado de terreos innecesarios do peirao

Xornada Nova Economía para a Aldea do Século XXI, celebrada no Couto, en Ponteceso

A Laracha solicitará acollerse ao incremento da achega autonómica destinada ao Servizo de Axuda no Fogar