Baixan os delitos de violencia de xénero en Carballo

Xunta Local de Seguridade_Concello de Carballo

  • Na sesión anual de avaliación da seguridade cidadá deuse conta do descenso do número de delitos no concello, pasando de 35 a 33,7 por cada mil habitantes

O incremento dos delitos informáticos foi un dos aspectos nos que máis se incidiu na Xunta Local de Seguridade celebrada este mércores no salón de plenos do Concello de Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López, copresidiron a sesión na que se avaliou a situación da seguridade cidadá, que se mantén en parámetros similares aos rexistrados no ano 2019 «cunha lixeira mellora das estatísticas».

Dadas as características especiais do ano 2020 marcado polo confinamento e as restricións de mobilidade, a comparativa estatística realízase co ano 2019. A taxa de delitos no concello de Carballo reduciuse de 35 a 33,7 por cada mil habitantes, e aínda que está «un pouquiño por riba da media provincial e galega, está moi por debaixo da media estatal de 42 delitos por cada mil habitantes». Esa diminución foi posible mesmo a pesar do incremento dos delitos informáticos que, seguindo a tendencia xeneralizada en toda España, subiron un 40% con respecto ao ano 2019.

Na xunta de seguridade analizouse tamén polo miúdo a situación da loita contra a violencia de xénero. O número de casos activos no concello reduciuse respecto ao pasado ano, pasando de 63 a 56, ningún de risco alto ou extremo. María Rivas resaltou que «a loita contra a violencia machista é outra das prioridades da Subdelegación do Goberno» e puxo de exemplo para outros moitos concellos ao de Carballo porque «xa son dez anos os que leva incorporado ao sistema Vioxen de seguimento das vítimas, coa participación activa da Policía Local».

O xefe do corpo municipal, Roberto Mosquera, realizou tamén un balance da actividade policial no último ano, marcado pola vixilancia do cumprimento das medidas de prevención da COVID-19. Neste 2021 a Policía Local leva atendidas un total de 2.550 avisos e incidencias relacionadas cos diferentes ámbitos de actuación, dende a vixilancia das ordenanzas municipais ata os accidentes de tráfico ou os controis de alcoholemia.