A Semana Santa trouxo á Costa da Morte bo tempo, restricións máis suaves na hostalería e, sobre todo, turistas que decidiron desfrutar da gastronomía, a paisaxe e a cultura da comarca. Entre os lugares que tiveron unha boa acollida destaca o Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte (MACCMO) situado en Corme, Ponteceso.
Tras permanecer pechado varios meses, o MACCMO recibiu visitantes de varios puntos de Galicia, sobre todo de A Coruña e Lugo. De entre estas visitas, destaca a de Blanca Pujales xunto co seu marido Juan. Blanca é a única irmá viva de Julio Pujales (A Coruña, 1939-Madrid, 1998), o pintor que «constitúe o xerme que dá orixe ao MACCMO», destacan desde o Concello.