Este sábado 28 de febreiro ás 17:00 horas, o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra vestirá as súas mellores galas para recibir un dos duelos máis potentes da xornada da Primeira Nacional. O Calvo Xiria desprázase a Pontevedra para enfrontarse ao Lirón Teucro, nun partido que promete emoción e un nivel competitivo altísimo entre dous clásicos da categoría que loitan por consolidarse na zona nobre da clasificación.
O Calvo Xiria chega a esta cita nun estado de graza espectacular tras a súa contundente vitoria o pasado fin de semana ante o Bueu Atlético (45-25). Os de Carballo están a exhibir un balonmán total, cunha defensa presionante que asfixia aos rivais e unha transición ofensiva rápida e efectiva. Cun bloque moi unido e a confianza que dá a xeira de bos resultados, o Calvo Xiria buscará repetir o éxito da primeira volta (27-24) e demostrar que é un firme candidato a todo esta tempada.
Pola súa banda, o Lirón Teucro é un rival sempre temible na súa pista, onde se fai forte grazas á calidade individual da súa primeira liña e á veteranía de varios dos seus xogadores. Malia caer recentemente nun duelo axustado ante o líder Novás (21-23), o equipo pontevedrés vén de gañar en Culleredo (25-27) e destaca pola súa capacidade para manter ritmos de partido moi controlados. O Teucro busca os dous puntos seguir escalando postos.
As mellores armas do Xiria para asaltar Pontevedra serán a velocidade na circulación e manter a intensidade defensiva durante os sesenta minutos. Será fundamental evitar que o Teucro se sinta cómodo no ataque posicional e aproveitar cada recuperación para saír ao contraataque.