O extesoureiro do Partido Popular, Luis Bárcenas, asegura nunha carta remitida á Fiscalía Anticorrupción que o expresidente do Goberno e exlíder do PP Mariano Rajoy destruíu nunha máquina destrutora de papeis a documentación que reflectía a contabilidade en b do Partido Popular, sen saber que el gardaba copia.
Así o relata nesa carta en que narra que coñeceu que Rajoy destruíra esa documentación cando el lle mostrou no seu despacho en 2009 a copia que conservaba desa contabilidade opaca e da que gran parte, asegura, foi despois substraída do estudo da súa muller cando el estivo en prisión preventiva. Un roubo que agora se investiga na peza Kitchen do caso Villarejo.
Nesta mesma misiva, remitida á Fiscalía a cinco días de que comece o xuízo pola caixa b do PP, Bárcenas explica que decidiu colaborar coa xustiza ao constatar que «con inxenuidade» deu por boa a promesa que se lle fixo por parte do partido, a través dun intermediario, de que a súa muller, Rosalía Iglesias, non entraría en prisión polo caso Gürtel, polo que ambos cumpren actualmente condena.