O Concello de Barreiros ten un censo de apenas 3.000 habitantes. Pero é tamén un habitual destino turístico na Mariña, máis aínda dende a controvertida expansión urbanística da pasada década. Ata o punto, segundo cálculos do goberno local, de chegar a acoller unhas 10.000 persoas durante o mes de agosto. Xusto neste mes a pediatra do centro de saúde ten vacacións e o Sergas «non ten previsto cubrilas», alerta o Concello, cuxa alcaldesa vén de dirixirse á Consellería de Sanidade para tentar evitalo.
O déficit de pediatras non é novo nin no verán nin na Mariña, contorna na que as mobilizacións sanitarias son practicamente unha constante dende hai anos. Esta, considera a nova rexedora da vila, Ana Ermida (BNG), debera ser razón dabondo para que o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuíña optase por «reconsiderar a decisión de non dotar de pediatra o centro de saúde de Barreiros durante o período de vacacións da titular». Pero, agrega a alcaldesa, hai máis motivos para a preocupación.