O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou o ton cordial da reunión que mantivo co presidente do Goberno no Palacio da Moncloa, así como a vontade de avanzar en acordos de interese para Galicia, pero advertiu que estará “vixiante” sobre a evolución dos compromisos adquiridos.
Alfonso Rueda manifestouse esperanzado sobre “as boas perspectivas” que se presentan para a consecución de fondos Next Generation en proxectos como o de Altri en Palas de Rei ou de Stellantis en Vigo, pero lamentou a falta de compromisos concretos nas peticións relacionadas coa sanidade, e sobre todo, que Pedro Sánchez manteña a negativa da transferencia a Galicia da xestión do litoral. O titular do Goberno galego, que fixo entrega ao presidente do Goberno central dun documento coas peticións que son clave para Galicia, insistiu tras o encontro en que “o diálogo institucional sempre é positivo”. “Non é unha axenda partidaria, é unha axenda de Galicia sobre cuestións que importan e que necesitan sen dúbida a implicación do Goberno central”, esgrimiu Rueda tras o encontro.
Un dos temas que abordaron foron os incendios que sufriu Galicia nas últimas semanas e a necesidade de que os afectados reciban axudas canto antes. Rueda pediu que se busque o mecanismo legal que permita axilizar os trámites para que eses cartos se mobilicen o máis pronto posible.