- Fixoo en substitución de Ricardo Vilas Otero, que dimitira no pleno anterior.
- A corporación municipal insta á Xunta a asinar un convenio de colaboración para acometer a reurbanización integral da AC-552.
No debate plenario de novembro en Carballo tratáronse varios puntos, con respecto á modificación puntual número 2 do PXOM, que afecta tanto a solo urbano coma rústico, todos os grupos votaron a favor agás Terra Galega, desconforme con unha das catro propostas, en concreto á relativa á variación do trazado dunha vía en Loenzo de Abaixo porque afecta a unha vivenda con licenza. As outras consisten na corrección dun erro cartográfico en Vivente (Ardaña), na modificación precisa para poder acometer a creación dun espazo público na contorna do pombal de San Miguel de Vilela e na creación dunha vía de acceso ao cemiterio de Berdillo.
Co acordo deste luns todas elas quedan aprobadas xa de xeito definitivo, o mesmo que o plan parcial de sector de solo urbanizable que afecta ao ámbito da conserveira Calvo e que ten como finalidade facilitar a ampliación da fábrica. Neste caso a aprobación foi por unanimidade.
TeGa volveu a absterse con respecto á aprobación inicial da ordenanza contra a contaminación acústica, un documento “moi técnico”, como o definiron todos os grupos, que basicamente se nutre das normativas estatal e autonómica para regular e controlar os ruídos no noso concello.
A corporación abordou a continuación unha moción do Partido Popular relativa ao acondicionamento das beirarrúas e do saneamento na avenida de Fisterra. O grupo municipal do BNG introduciu unha emenda, que foi aprobada por unanimidade, e que implica a adopción do seguinte acordo: “Instar á Xunta de Galiza a asinar un convenio de colaboración co Concello de Carballo para acometer a reurbanización integral da AC-552 ao seu paso polo núcleo urbano. Unha vez rematadas as obras, o Concello de Carballo comprométese a asumir a titularidade dos treitos da travesía nos que se leven a cabo as actuacións de reurbanización”.
No último apartado da sesión, que se prolongou durante case hora e media, o goberno municipal deu conta do informe de morosidade correspondente ao último trimestre, que sitúa o período medio de pago do Concello de Carballo en 5,27 días.
A oposición, pola súa banda, exerceu o labor fiscalizador a través da quenda de rogos e preguntas. O PSOE presentou un rogo para que se expoña o legado de Alfredo Brañas cedido ao Concello. O alcalde convidou aos grupos a visitalo e revisalo para buscar entre todos o emprazamento máis axeitado. Tamén pediu o acondicionamento dun lavadoiro e unha pasarela para o CEIP Bergantiños.
O PP solicitou o arranxo duns problemas cos sumidoiros en Lema e máis colectores de recollida selectiva na parroquia de Artes. Terra Galega presentou varias preguntas sobre asuntos de persoal, a polémica do mural do adro da igrexa e as obras da rúa Concepción Arenal, entre outras cuestións.