Belén do Campo pon en valor as casas do maior nunha visita ao Val do Dubra 

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou este venres a Casa do Maior de Val do Dubra, onde destacou o compromiso do Goberno galego co impulso dun envellecemento activo e saudable, baseado nunha atención próxima, de calidade e adaptada ás necesidades das persoas maiores. Esta casa ten nestes momentos unha ocupación de 4 persoas cunha praza vacante e conta cun apoio da Xunta de 25.400 euros anuais máis 10 euros por persoa e día para prestar o servizo de transporte.

O Goberno galego concedeu axudas para a creación de 160 casas do maior por toda a comunidade, que ofrecen 800 prazas de balde para o coidado das persoas maiores, concretamente, a provincia da Coruña conta con 56 casas do maior en 27 concellos (280 prazas dispoñibles) e na comarca de Santiago ademais da Casa do Maior en Val do Dubra  están operativas  outras tres en Boqueixón.

As casas do maior son recursos de proximidade que garanten aos maiores do rural ter acceso a unha atención individualizada sen saír da súa contorna e 100 % gratuíta. Cada unha delas atende a un máximo de cinco usuarios e estes coidados comprenden a manutención, a hixiene e o desenvolvemento de actividades de lecer e cognitivas.

Ademais, prestase nun máximo de oito horas diarias de luns a venres en horario flexible e durante todo o ano, agás os días festivos e o mes de vacacións no que o equipamento permanecerá pechado por vacacións.

A Xunta aposta por continuar estendendo as casas do maior por todo o territorio galego porque melloran a calidade de vida das persoas maiores, facilitan a conciliación das familias, axudan a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía dos concellos nos que se asentan.

Neste contexto, subliñou que o obxectivo do Executivo autonómico é facilitar os recursos necesarios para que as persoas maiores poidan vivir esta etapa con benestar e autonomía, a través dunha ampla rede de servizos. Así, fixo referencia á consolidación do sistema residencial galego, ao desenvolvemento da rede de Casas do Maior e a programas como Benestar en Balnearios, Xuntos polo Nadal, as iniciativas formativas e de ocio ou o Carné +65, todos eles orientados a promover unha vida activa e participativa.

Soidade non desexada

Durante a visita, a delegada tamén puxo o foco nas medidas impulsadas pola Xunta para facer fronte a problemáticas que afectan especialmente a este colectivo, como a soidade non desexada e o idadismo. Neste senso, destacou a posta en marcha de dúas estratexias específicas que teñen como finalidade previr, identificar e intervir nestas situacións, garantindo que as persoas maiores poidan desenvolver esta etapa vital en condicións de dignidade e plenitude.

Pola súa banda, a Estratexia contra a Soidade non Desexada incide na necesidade de fortalecer as redes de apoio e colaboración social. Neste marco, a delegada salientou a importancia do teléfono de atención posto en marcha en colaboración coa Cruz Vermella, un servizo pensado para ofrecer acompañamento e apoio a aquelas persoas que se sintan soas, con independencia do lugar no que residan ou da súa situación persoal.

Finalmente, Belén do Campo reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia con seguir avanzando en políticas que garantan o benestar, os dereitos e a calidade de vida das persoas maiores, promovendo unha sociedade máis inclusiva e respectuosa con todas as etapas da vida.

Related posts

O BNG de Carnota denuncia o “progresivo desmantelamento” do servizo sanitario no municipio

A Asociación Española Contra o Cancro na Coruña presenta a Rede de Concellos Contra o Cancro

A Deputación da Coruña apoia a preto de 300 clubs deportivos e 39 asociacións de veciños e mulleres rurais da provincia