Belén do Campo visitou en Ponteceso a gandería de Marcos Antonio Ríal Costa, especializada en vacas cachenas

4 minutes read

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo e polo veterinario de Boaga, Davide Outeiro, visitou a gandería de Marcos Antonio Ríal Costa, especializada en vacas cachenas. Esta explotación, en plena expansión, conta con 60 vacas, das cales 41 son produtivas e outras 19 teñen menos de 6 meses. Neste senso, a delegada destacou a gran utilidade deste modelo de gandería en extensivo na limpeza das franxas secundarias.

Belén do Campo destacou que esta explotación recibiu, o ano pasado, unha achega para apoiar o mantemento de 8 exemplares de recría dentro das achegas da Xunta que teñen por obxectivo reforzar o apoio aos gandeiros que apostan pola preservación do patrimonio xenético e produtivo, así como pola sustentabilidade do rural

Con estas axudas búscase que os gandeiros poidan substituír os seus animais por exemplares criados na propia explotación desde o desleite, o que contribúe a mellorar a adaptación dos animais ao medio, reducir custos e garantir a continuidade das explotacións.

Nova orde

Na visita a delegada da Xunta lembrou que a Consellería do Medio Rural volve a ter abertas estas axudas por segundo ano consecutivo, para a recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas de Galicia, cun orzamento de 390.000 euros. O prazo abriuse o pasado 7 de xullo e permanecerá aberto ata o 8 de agosto.

Da contía total, destinaranse 350.000 euros para o pagamento das axudas ás persoas titulares das explotacións de gando bovino -das razas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa-, e 40.000 euros para as de Ovella Galega e Cabra Galega. Así, as axudas poderán chegar a un importe máximo por granxa de 15.000 euros, sendo a aportación tope por animal de 350 euros no caso dos bovinos e de 60 no ovino e cabrún.

Poderán beneficiarse destas achegas as persoas tanto físicas como xurídicas titulares de explotacións gandeiras situadas na nosa comunidade. Estas deberán estar inscritas no libro xenealóxico das razas autóctonas de Galicia, entre outros requisitos. 

Balance ano pasado

Belén do Campo lembrou que o ano pasado beneficiáronse en Galicia 207 explotacións cunhas achegas de case 370.000 euros. Na provincia da Coruña foron 38 axudas, das cales 26 foron para ganderías de bovino e 12 para granxas ovinas e cabrúas. En total o investimento ascendeu a máis de 60.000 euros. E no caso concreto da comarca de Bergantiños-Costa da Morte ademais da gandería de Ponteceso tamén recibiron apoios outras dúas granxas de bovino de Cee, entre as tres recibiron en total 7.000 euros.

Premios excelencia

Aproveitando a visita a delegada lembrou que, o pasado mércores, convocouse, por primeira vez, dos premios á excelencia gandeira para recoñecer o traballo dos criadores de razas bovinas autóctonas ameazadas de Galicia. Mediante esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), ponse en valor a gran relevancia social, medioambiental e cultural destas razas para Galicia, así como ás granxas destes animais, que son un dos motores económicos do rural galego. 

Estes galardóns teñen como finalidade distinguir a actividade dos gandeiros no proceso de cría das razas bovinas autóctonas a prol do mantemento destes recursos zooxenéticos, conseguindo uns produtos cárnicos de maior calidade de forma sustentable e velando polo benestar animal. Establécense cinco categorías, unha por cada raza ameazada -Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa-, e dentro de cada categoría os premios estrutúranse en tres bloques: á Excelencia Gandeira, ao Legado e Vigor e á Identidade e Semente da Raza.

Ao premio de Excelencia Gandeira poderán optar aquelas explotacións que figuren en estado de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras (REGA), cun censo mínimo de 10 vacas nutrices, que participen no programa de cría da raza ao peche do exercicio e que conten cunha antigüidade mínima de cinco anos.

No caso de Legado e Vigor mantéñense os mesmos requisitos de elixibilidade, e divídese en dúas categorías de elite. A primeira é a das “Vacas de Vida”, mediante a cal se identificarán animais de máis de 15 anos de idade que conten, como mínimo, con 12 partos rexistrados no seu historial produtivo, valorando así a resistencia e legado dos exemplares. En segundo lugar está a categoría de “Vacas 2+3”/ “Novas Promesas”, na que se avaliarán as vacas activas cun mínimo de dous partos, cuxo primeiro tivese lugar entre os 20 e os 24 meses de idade, e que manteñan un intervalo medio entre partos de entre 12 e 12,8 meses.

En terceiro lugar, no premio á Identidade e Semente da Raza, valorarase a proporción do rabaño activo que conte con reprodutores con ADN comprobado. A puntuación será maior en función da porcentaxe e o índice poderase ver incrementado polos animais reprodutores con ADN verificado nos últimos cinco anos.