Belén do Campo visitou Malpica para coñecer os traballos do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo

1 minutes read

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, visitou o Concello para coñecer o traballo que están a desenvolver as tres persoas contratadas durante nove meses a xornada completa ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo.

Esta iniciativa ten como finalidade favorecer a contratación de persoas desempregadas e o desenvolvemento de actuacións relacionadas coa prevención de incendios forestais e coa conservación do medio rural.

No caso de Malpica, o Concello conta cunha achega de preto de 51.000 euros, destinada á contratación destas tres persoas, que realizan actuacións de limpeza de montes, xestión da biomasa, mantemento de espazos naturais e outras tarefas de carácter forestal e ambiental.

Durante a visita, a representante autonómica informou de que o programa permite combinar a contratación de persoas desempregadas coa realización de traballos vinculados á prevención de incendios e ao mantemento do territorio, facilitando ás persoas participantes a adquisición de experiencia profesional relacionada con estas tarefas.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración resolveu unha nova edición de Galicia Suma Talento: Rural Activo, dotada con 20 millóns de euros. No conxunto da provincia da Coruña, a Xunta financiou a contratación de 282 persoas en 81 concellos, cun investimento de preto de 5 millóns de euros. No caso concreto da comarca de Bergantiños-Costa da Morte, 14 concellos contaron con apoio para contratar 56 persoas desempregadas, cunhas achegas de máis de 1 millón de euros.